A dona que eu amo e tenho por senhor
amostrade-mh-a, Deus, se vos en prazer for,
se non dade-mh-a morte!
A que eu tenho eu por lume destes olhos meus
e por que choram sempre, amostrade-mh-a, Deus,
se non dade-mh-a morte!
Essa que Vós fezestes melhor parecer
de quantas sei, ai, Deus, fazede-mh-a veer
se non dade-mh-a morte!
Ai, Deus!, que mh-a fezestes mais ca min amar,
mostrade-mh-a u possa com ela falar,
se non dade-mh-a morte!
Bernal de Bonaval
CANTIGA DE AMOR:
Segundo a Arte de Trobar ou Poética Fragmentaria, son cantigas de amor aquelas en que se move a razom del, é dicir, que o que se escoita é a razom do trobador que canta á súa dona. A amada neste tipo de cantiga, recibe o nome de a senhor de acordo coa transposición do mundo das relacións sociáis do sistema feudal. Desta forma, amar equivale a servir, e pasan á linguaxe amorosa moitas das fórmulas lingüísticas, incluso xurídicas, das relacións vasaláticas. Como xa dixemos, a senhor galego-portuguesa é unha dona virgo, por tanto, a mesura provenzal, que consistía en prudencia para non ser descubertos polo marido, transfórmase na prudencia que debe ter o trobador para manter o segredo dos seus sentimentos, e sobre todo do nome da súa amada.
Á mesura do trobador corresponde a desmesura da senhor, que é a súa incapacidade para fazer bem (amar) ao enamorado. Esta incapacidade da senhor provoca o pavor no trobador, e lévao a vivir sempre en coita (ou cuita). A coita é o eixo temático da cantiga de amor, porque o amor é sempre desgraciado. Arredor dela e da súas consecuencias variarán tódalas cantigas de amor. Esas consecuencias da coita serán a perda do sen (sentido común), a loucura, a perda do sono, o medo, a perda da fala, ... e como punto máis alto na gradación desas consecuencias, a morte de amor (gran tópico na literatura medieval).
Se o trobador non é o bastante mesurado cae na sanha da senhor, e esta sanha varía desde a sorpresa desagradable perante as demandas do trobador ao revanchismo malévolo, pasando pola mesma indiferencia, estranhar.
O léxico na cantiga de amor vai ser bastante reducido pois ten un campos semánticos limitados. Hai unha serie de termos que se repiten continuamente, así o trobador andará apavorado, desnortado, coitado, ...
Dado que a senhor galego-portuguesa, máis que unha muller real, é unha abstracción, a súa descriptción física, a laudatio, vai ser extremadamente xenérica. Aparecerá cualificada como de bó parezer, fremosa, de bó semellar, sen que nunca aparezan trazos concretos. Intimamente ligado a esta abstracción feminina, está o feito de que nunca aparezan na cantiga de amor referencias espacio-temporais.
Ao longo dos 150 anos de escola trobadoresca, os trobadores matizaron ata o infinito tódolos aspectos da coita; é probablemente a máis profunda análise dun home enamorado.
Ainda que a maioría das cantigas son un xogo literario, abundan as que agachan unha relación verdadeira.
Sobre este modelo xeral haberá algún trobador que salte as regras do amor cortés innovando a escola.
ESTRUCTURA DA CANTIGA DE AMOR:
A maior parte ábrense cun exordio (invocación) á senhor. Temáticamente poden ser cantigas dirixidas á senhor ou cantigas que falen da senhor. Predominan nelas as cantigas de 3 ou 4 cobras, e prácticamente hai tantas cantigas de mestría como de refrán.
Para poder valorar a cantiga de amor non debemos esquecer o concepto de orixinalidade da Idade Media, senon comparalo co concepto actual. Na Idade Media, o máis orixinal era o que se mantiña dentro destas regras, da técnica e da temática variando únicamente os matices.
No hay comentarios:
Publicar un comentario